Comunicado de Apiario S.L.

A Coruña, 8 de febreiro de 2019

Ante a aparición de diversas novas publicadas nestes días en relación con Apiario S.L, e que recollen as declaracións vertidas por concelleiros dos Grupos do Partido Popular de Compostela e da Coruña, vémonos na obriga ética de efectuar o seguinte comunicado:

Apiario S.L. constituíuse en agosto de 2014 na cidade de A Coruña, sen contar con ningunha subvención de carácter público, como unha empresa privada e independente fundada por dúas escritoras cunha recoñecida traxectoria no mundo literario galego. Dende entón, e a pesar dos seus escasos catro anos de vida, Apiario consolidouse como un referente tanto no campo da docencia como no espazo editorial galego, contando con amplos recoñecementos no panorama galego e estatal.

Dende a súa fundación, Apiario S.L. ten dado servizos e realizado traballos (obradoiros de escrita creativa, recitais, presenza en xurados literarios, participación en festivais literarios e artísticos ou presentación e coordinación de eventos, entre outros) para multitude de particulares, empresas privadas, centros de ensino, e entidades públicas ou con algún tipo de financiamento público, todo o cal con independencia da súa sensibilidade política. A modo de exemplo, temos traballado para:

Nin a sociedade Apiario S.L., nin ningunha das súas dúas socias, a escritora e editora Antía Otero e a escritora e editora Dores Tembrás, teñen recibido xamais un trato de favor de ningún organismo público. É pois rotundamente falso o afirmado polos Srs. Alejandro Sánchez Brunete, Rosa Gallego Neira e Agustín Hernández Fernández de Rojas, que acusaron ao Goberno dos Concellos de Compostela e de A Coruña de nepotismo pola contratación de Antía Otero.

En relación ao Concello de Santiago de Compostela: no ano 2016, o responsábel do Centro Sociocultural de Conxo púxose en contacto con Dores Tembrás para solicitar especificamente a súa participación nun recital en Conmemoración do Banquete de Conxo, xunto a outros 5 poetas, así como a docencia de dous obradoiros de poesía que ela mesma impartiu no propio centro cultural. Por eses traballos, Apiario S.L. xirou unha facturación de 501,50 € que foron abonados polo Concello de Compostela. A escritora Antía Otero nunca traballou persoalmente para o Concello de Compostela. Esta é a única relación que Apiario S.L. ou calquera das súas socias tiveron co Concello de Compostela.

En relación ao Concello de A Coruña: entre os anos 2017 e 2018 Apiario S.L. efectuou traballos para diversas persoas e entidades que se puxeron en contacto de forma directa coa empresa, programadores e axentes que traballan pola cultura da cidade da Coruña: docentes de Centros de Ensino, bibliotecarias, libreiras, coordinadoras de programas literarios que solicitaron os nosos servizos e que nalgúns casos desenvolvían programas que contaban con financiamento público. Nunca, en ningún caso, ningún membro da actual corporación municipal contactou nin contratou de forma directa os nosos servizos, limitándose o Concello de A Coruña ao abono de facturas que ascenden a un importe total de 1.686,00 €.

Tendo esta información en conta gustaríanos destacar que tanto Dores Tembrás como Antía Otero teñen traballado moito máis intensamente para o Concello da Coruña e o Concello de Compostela durante os gobernos do Bipartito (PSOE/BNG) e do PP. Non só é que Apiario S.L. non saia beneficiada coas Corporacións políticas actuais nestas cidades, é que a nosa actividade profesional nelas está completamente limitada.

Finalmente gustaríanos insistir en que Apiario S.L. é unha empresa creada por dúas mulleres autónomas e emprendedoras. Dúas autoras e editoras que traballan pola Cultura deste país e que manteñen a súa independencia en relación a feitos partidistas. Mais tamén somos conscientes de que aquilo que non se nomea, que carece da palabra precisa para ser denominado, non existe.

Deste xeito, con este comunicado queremos rexeitar todas as calumnias e manipulacións que diversos membros do Grupo PP de Compostela e da Coruña teñen vertido sobre as nosas persoas e o noso lugar de traballo, co fin único de desprestixiar a liña profesional impecable que nos define e danando a imaxe da nosa empresa e marca Apiario S.L.

Tendo en conta o anteriormente exposto anunciamos que tomaremos as oportunas accións xudiciais co fin de que se emende o incalculable dano inflixido tanto á imaxe e prestixio da empresa e a marca, que se viu exposta dun xeito gratuíto, como a das súas socias que se viron tamén persoalmente interpeladas.

No Apiario estamos sempre dispostas a recibir todas aquelas propostas de persoas, entidades e empresas que queiran traballar con nós, respectando os nosos marcos éticos. Non podería ser doutro xeito.

Continuar á web de Apiario