Nacín en Marín a mediados dos oitenta, e estou convencida de que isto explica case todo.
Estudei primeiro xornalismo, despois cooperación internacional, agora filosofía. Gastei uns anos en aprender e traballar en dereitos humanos en América Latina, ata que decidín volver á gris Europa.
Ademais de traballar fago outras cousas, como escribir. E como con secuencia, entre outras, foron saíndo dende illa peixe (obra gañadora do Certame Gz Crea en 2008, publicada pola Xunta de Galicia), ovella (que mereceu o Certame Francisco Añón en 2015, publicada polo Concello de Outes), e clementina, gañadora do Premio Literario Nortear en 2015.
Estou moi orgullosa de que dende illa peixe servira de base para a curtametraxe illa pedra, da cineasta Adriana Páramo, e de que se convertese na primeira peza audiovisual en galego con audiodescrición para persoas cegas. Tamén estou orgullosa de que Fanny+Alexander transformasen tres textos meus en cancións.