Sen produtos
Daniel Salgado (Monterroso, 1981) traballa como xornalista. Publicou os libros de poemas Sucede (2004), días no imperio (2004), Éxodo (2006), Os poemas de como se rompe todo (2007), Ascension (2010, con deseño e debuxos de Xosé Carlos Hidalgo), ruído de fondo (2012), Dos tempos sombrizos (2013) e O Gran Rexeitamento / Flores para Albert Ayler (2017). Coa poeta e ensaísta María do Cebreiro, deu ao prelo A Guerra (2013) e, da man dos artesáns Inés Pallares e Afonso Rodríguez Castro, ensaios (2015). Os seus poemas aparecen recollidos en numerosas antoloxías colectivas.
Traduciu a Allen Gisnberg, Amiri Baraka, Lawrence Ferlinghetti ou Adrienne Rich ao galego e a Lois Pereiro, a quen tamén antologou, ao castelán. Escribiu letras para a banda de música electrónica Das Kapital. Co escritor e xornalista Manuel Darriba realizou a crónica política AGE. A emerxencia de Alternativa Galega de Esquerda (2012), co ensaísta e editor Manuel M. Barreiro coordinou Entrementres. Ensaios para unha nova política (2014) e con Martiño Noriega, actual alcalde de Compostela, A contradición permanente. Conversa sobre cinco anos de política convulsa (2012-2017).