Sen produtos
Son de Ponte Sampaio, aínda que nacín en Pontevedra en 1980.
Desenvolvo o meu traballo creativo nos terreos da dramaturxia, a dirección escénica, a interpretación, as artes plásticas e a literatura.
Fóra diso, ás veces pago as facturas facendo labores moito menos interesantes (podédesmo crer ben).
Levo unha chea de anos traballando como actriz, dramaturga e directora en proxectos de compañías alleas e propias (Enlata Teatro, Farrapo Teatro, Matrioshka Teatro, A Feroz).
No eido das artes aplicadas e a ilustración desenvolvo un labor de experimentación (enzoufo as mans, vaia) no meu taller A Maranha.
En 2016 gañei o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés con Entullo e entrei así ao tobo do Coello Branco onde, cavando cavando, foron aparecendo Afterparty, Santa Inés, O perfil da boca, o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con Velloucas & Minchas, As mil vidas de Dorotea, o XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense con As puntas da louza. Cancioneiro de labor, o I Premio de Poesía Filomena Dato con Ave do Paraíso e Do pracer e da morte, entre outros textos.
E aquí sigo, dándolle á tecla para avanzar no túnel e facendo cábalas para non ter que volver a traballar nunca máis vendendo cousas innecesarias en tendas aburridas.