Sen produtos
Nacín no outono do 86 e son de Eirís, naquel tempo un barrio-aldea da Coruña no que aínda había praderías, carreiros e algún cabalo. Daquela cruzabas á praia de Santa Cristina desde As Xubias nunha chalana de madeira. Iso marca, claro.
Formeime en varias cousas —entre elas, historia da arte, cinema e integración social— e traballei noutras tantas. Agora quero ser bibliotecaria.
Activista desde os vinte en colectivos feministas e na loita polos dereitos e a xustiza social, son desas persoas atravesadas polo 15-M e polas asembleas de rúa.
Tamén colaborei con proxectos cheos de vida como o Centro Social A Comuna, Proxecto Cárcere, Manchea (imprenta+artefactos) e Revirada Revista Feminista.
Escribo desde que, aos 11 anos, tiven un encontro casual coa poesía na escola; fíxeno sempre con medo, ata que escribín Eira.