Galardón na III Gala do libro Galego

Veñen de recoñecer Lumes como libro mellor editado no 2017. Isto foi o que lemos ao recoller o premio:

Sentímonos moi agradecidas por este galardón. Entendémolo como un recoñecemento a un xeito de traballar, de afrontar a edición. Así son imprescindíbeis a confianza d* autor*, como foi Ismael Ramos, con quen compartimos a felicidade do premio, e que nos entregou o seu orixinal case coma unha ofrenda. Nesta ocasión contamos ademáis coa profesionalidade e gusto de Mauro Trastoy como deseñador e o traballo impecábel do equipo e maquinistas de Agencia Gráfica. A todo isto debemos sumarlle a complicidade de libreir*s de todo o país que agardan polos nosos títulos e escoitan todo o que estas dúas editoras lles contamos fascinadas para facelo seu e trasladarllo aos lectores. Todas e cada unha destas abellas son imprescindíbeis na nosa colmea.

Apiario veu a luz hai tres anos e medio e queremos aproveitar esta oportunidade para agradecer todo o que vivimos arredor do libro. Sentímonos afortunadas e con cada título desexamos estar a altura de tódol*s profesionais cos que traballamos, sendo conscientes do moitísimo talento que nos rodea. Queremos que os nosos libros sexan un espello diso. Grazas pola confianza e o apoio. Polos libros que temos entre as mans e polos que virán!