Sen produtos
O Concello de Bergondo vén de anunciar a inminente convocatoria do Premio de Poesía Filomena Dato. O certame, que pretende honrar a memoria da escritora e afervoada feminista galega Filomena Dato Muruais (1856-1926).
As persoas que desexen participar no concurso deberán presentar os seus orixinais na Casa da Cultura do concello e a data límite de entrega será o 31 de xullo de 2021. Tras as deliberacións do xurado, o galardón anunciarase antes do próximo 31 de outubro de 2021, coa presenza do autor ou autora da obra distinguida.
O premio, ao que poden presentarse libros de poesía inéditos e escritos en lingua galega cunha extensión non inferior aos 500 versos, ten unha dotación económica de 2000€. A maiores, o poemario gañador pasará a ser publicado pola editora Apiario.
Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a rescatar do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento.
Pódense consultar as bases completas aquí.