Cursos de Poesía e Escrita Creativa en Vigo. Xan-Mar 2015

Neste segundo trimestre propoñemos dous obradoiros en VIGO: De misterio e técnicas e  Escrita creativa. As técnicas d*s grandes autor*s.

DE MISTERIO E TÉCNICAS (16-1-2015/ 6-2-2015)

O 16 de xaneiro arrincamos cun obradoiro de Poesía coordinado por //AFUNDACIÓN en Vigo. Serán 10 horas. Tódolos venres ás 18:00.

Este obradoiro está dirixido a todo aquel que queira achegarse ao acontecer poético. Podemos domésticar a linguaxe? A súa estrutura? Pódese penetrar no sórdido, na emoción do sórdido, e calibrar os lindes ata os que podemos levar a imaxe?

Que é a beleza? Unha ilusión óptica? Unha actitude? Dúas palabras que firen?

Que pasa no poema? Que é o que nos importa no poema? Canta atención lle prestamos ao sen alento?

Sabemos cortar os versos? A medida? O ritmo?

Sabemos ler?

E o silencio? En que medida é posíbel producir o silencio no poema?

Ferramentas. Aprenderemos ferramentas para construir o texto. Pero sobre todo, e dígoo a modo de advertencia, a deriva será o pilar da aprendizaxe, demorarémonos en calquera concepto, calquera, que alumee a nosa achega ao poético.

Esta é a proposta.

E sempre a esixencia á palabra, o escrutinio ao que sometemos o poema.

Así visitaremos algúns poetas da literatura universal, e en particular da literatura galega, que han de sinalar, subliñar, para admirarnos.

Escribamos.

Aquí o programa completo.

ESCRITA CREATIVA. AS TÉCNICAS D*S GRANDES AUTOR*S (13-2-2015/ 6-3-2015)

E xusto despois seguiremos cun curso de Escrita Creativa. A proposta deste obradoiro tenta abordar a escrita creativa dende os mestres. Así apoiaremonos na análise dos mecanismos que algúns autores empregan maxistralmente nas súas obras, co obxectivo de penetrar e descubrir as súas ferramentas. O que nos interesa é fixar aquelas técnicas que servirán de guía para a propia escrita.

Organizado en catro bloques, o traballo coa palabra irá da man de Julio Cortázar dende a concepción da trama, internándonos no proceso do misterio xunto co manexo da tensión e a distensión. Despois deterémonos con Sandor Marai na construción das personaxes, as posibilidades que se abren no retrato profundo, e esa procura da unicidade, da personaxe xenuina que trascende a propia obra. A seguir traballaremos con Herta Müller e o estilo único que fai recoñecíble a voz da autora. E fecharemos cunha das voces máis potentes do panorama galego, Gonzalo Hermo, que servirá de modelo para mergullarnos na precisión e a arquitectura do poema.

Aquí o programa completo.