4ª edición Certame de poesía Filomena Dato

O Concello de Bergondo vén de anunciar a inminente convocatoria da 4ª edición do Premio de Poesía Filomena Dato. O certame pretende honrar a memoria da escritora e afervoada feminista galega Filomena Dato Muruais (1856-1926).

As persoas que desexen participar no concurso deberán presentar os seus orixinais na Casa da Cultura do concello e a data límite de entrega será o 28 de xullo de 2023. Tras as deliberacións do xurado, o galardón anunciarase antes do próximo 31 de outubro de 2023, coa presenza do autor ou autora da obra distinguida.

O premio, ao que poden presentarse libros de poesía inéditos e escritos en lingua galega cunha extensión non inferior aos 500 versos, ten unha dotación económica de 2500€. A maiores, o poemario gañador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía Filomena Dato.

Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a rescatar do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento.

Pódense consultar as bases completas aquí.