Sen produtos
Il se couchait derrière le brin d´herbe
Pour agrandir le ciel
Deitábase detrás dunha herbiña
Para agrandar o ceo
Nöel Bureau
1990. Un curso de fotografía en B/N.
Pechaba un ollo para estar canda elas, entraban por unha porta semicircular, o seu fío
musical era unha melodía magnánima á altura da herba e das margaridas, á altura da súa
propia organización. Unha familia ou o parnaso dos columpios vermellos.
As abellas eran o vértice da casa e había un astronauta que tocaba un acordeón: meu pai
disfrazado. E cando el pasaba o carreiro circundado das plantas que infusionan quedaba
lambido por un fume beneficioso.
Ningún outro mel ten esta escuridade.
Trescentas lúas, nordés que rabuña as ventás pola noite, romeu -como o alcohol de
romeu co que curamos a Noa a cadeliña cando a mallaron a paus-, tomiño, algunha rosa,
milicroques.
Mira como están libando.
2015. Instagram. Avispa velutina.
Danme pena as abellas, unhos animales tan bos, que vaian desaparecer (o astronauta).
Disque chegaron en grandes barcos contedores, da China. Vaime doer moito se algunha
vez me pica unha asiática, pero eu non poido non poido deixar de darlles morte.
Café con mel, biscoito de mel, cebola confeitada. Unha culleirada de mel é aprecialas
como unha antiga xoia de ámbar, cada día.
Cada día, cada unha, ata a última.
Teardrop.