As abellas para Oriana Méndez



Casualmente análogo á danza das abellas, desprázase con ritmo

este lume abellas corazón mel afúndome na néboa

despoboada de noites illada do nervio da luz eléctrica da noite

desasistida de toda luz: abandonamos o noso nome entre o aire

denso da bruma, o noso nome velado vaga no fume

o que propiamente somos cando nos ves:



cúmulo en danza que nos identifica, portadores de febre

habitantes deste Upo Mendi, calquera barco infectado

vogamos augas de sedas rotas



non é a grava erma dos camiños, non é a seca no poema

a fame depositada entre a carne e a uña non é paisaxe morta:

é o cúmulo, o que propiamente somos

é comuna conxunto minuciosidade no traballo exacto

a exacta perspectiva das gaivotas violentamente

desde Cabo Silleiro

é colmea

é a organización da fame

é a organización da vida

nada máis alá ningunha luz despois nada máis alá ningún lóstrego

ningún nervio acada esta ofensiva do mel emerxendo do asfalto

agosto Ourense

ferve o asfalto e é mel



Esta é, golpe que latexa

a resposta negra

aínda non dita

das abellas obreiras