As abellas para Rosalía Fernández Rial

Comprendín a poética da apicultura no ecosistema serodio dun antro urbano; entre vasos de tubo e o agridoce aguillón da soidade. Lixeiramente bébeda; martelando cos ouvidos a vertixe do saxo suicida;

do seu

saxo

suicida...

-Mr. Trane. Afro Blue Impressions. 1963.

-1963. Martin Luther King.

-“I have a dream”, si. Pero con que nos hipnotiza John Coltrane? Como? Por que?

Comprendín a poética da apicultura no ecosistema serodio dun antro urbano. Cando me ensinaches o onírico sentido dos enxames nos instrumentos de vento metal.

-Só os mellores imitadores de Trane logran emular o seu zunido, ao bater con mestría as ás das súas partituras envolventes. Pero unicamente El é quen de parir, desde a campá do saxo, as tres abellas clave. Até morder ao espectador. Abázcaro, obreira e raíña.

-Un zunzún infinito arredor de tres notas centrais; espertadoras do delirio pretérito.

-Tres motivos que converten o ruído en música e impiden durmir.

-Igual que acontece coas palabras e a poesía.

-Afro Blue Impressions.

-Martin Luther King.

-“Teño un soño”.

Abázcaro, obreira, raíña.

Compostela, 23/03/2016.