Sen produtos
En novembro de 2014 puxemos a andar Apiario, un proxecto cultural no que se tecen obradoiros de creación literaria cun selo editorial independente. Dende o comezo, tivemos na mente esta palabra: a independencia. Poder traballar e editar tal e como nós sentíamos que queríamos facelo, cos tempos, as realidades e as emocións que nos saían do profundo das ideas e do estómago. Sen axudas, nin subvencións. A corte limpo.
Hai un ano, o primeiro poemario que editabamos ,“Celebración” do autor Gonzalo Hermo, gañaba o Premio da Crítica en galego, nun recoñecemento concedido pola Asociación Española de Críticos Literarios. Meses despois, este mesmo título recibía o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández. Hoxe, 23 de abril de 2016, o segundo poemario editado por Apiario, “O Deserto” de María do Cebreiro, volve ser recoñecido co premio da Crítica... Lonxe de facer currículo, para nós son só premios. Recoñecementos para as grandes autoras dos que participamos con ledicia e ilusión, polo simple feito de que nos deixaron acompañalas ao redor da súa palabra en toda esa viaxe que implica editar un libro, deixalo ceibe nas mans das lectoras e críticas.
Realizar un libro en Apiario, lévanos unha media de nove meses dende que encargarmos un texto a unha autora ata que o distribuimos persoalmente nas librarías. E non, este feito de que sexan nove meses, non ten que ver coa idea de que sexamos mulleres e nais, únicamente é traballo.
Pensar nunha autora, pedirlle un texto, agardar, pensar, decidir con que deseñadora imos traballar, ser donas do proceso, delegar sen desconectar o máis mínimo, entender as necesidades da palabra porque non todas son iguais e cada libro é un comezar de cero en forma e fondo:
foi un papel pedido a Italia en Celebración, un estar presentes no arrinque das máquinas na imprenta para que o granate do corazón-granada fose ese e non outro, calibrar, encargar a faixa do premio no ton no que o pantone vermello non desencaixase, ir á imprenta e escollelo persoalmente: “de tódolos vermellos, ese vermello”, dobrala unha a unha nas capas... Foi envolver con papel de seda mate cada un dos exemplares d'O Deserto, recortar os anacos coa medida xusta, pegarlle a postal de Agar e Ismael enriba, mergullar na rede dous días enteiros ata dar cuns adhesivos en forma de redondel que non botasen brillos e que quedasen cravados sen dobra algunha, atopalos en Alemaña e dicir: estos son. Chámannos ourives...Nós chamámoslle Amor.
O mesmo co que tratamos cada oportunidade de abrirnos ao mundo sabio das nenas cun álbum da colección de infantil, co que escollemos ás autoras que farán ese preciso traballo. A mesma responsabilidade co que abarcamos un libro de divulgación da arte ou da palabra. O mesmo que levamos nos pés cando camiñamos por Compostela ou pola Coruña servindo os exemplares en man ás librarías, o mesmo co que imos a Correos levar os paquetes de pedidos para libreiras de Vigo, Lugo ou Bueu. A emoción de cando alguén fai un pedido na web e colles un sobre, empaquetas un libro, escribes un enderezo coa man.
E alguén dirá que as mulleres somos así: coidadosas, artesás, sensibles... Nós chamámoslle Editar.
Somos un proxecto pequeno. Non temos presenza en grandes centros comerciais, quioscos de aeroporto, nin feiras alén dos mares...pero as libreiras que venden os nosos libros saben os nosos nomes e son os de dúas mulleres.
Feliz día do libro a todas!