Sen produtos
Neste curso 2015/2016 en Apiario tivemos a sorte de levar adiante un proxecto de longa duración contratado polo Concello de Bergondo e en colaboración co CPI Cruz do Sar, nos cursos de 1º / 6º de primaria e 4º da ESO.
Poder traballar a longo prazo, con tempos demorados en cada trimestre, permitiu aproximarnos ao poético dende moitas perspectivas. No caso dos cursos de primeiro, a proposta centrouse na palabra poética arredor do conto O peizoque Roque de Dores Tembrás. A reflexión sobre o poder das palabras que nos compoñen, a música e algúns dos elementos principais da creación poética foron xurdindo do diálogo coas nenas e nenos que alimentaron coas súas palabras ao paxaro poeta.
Tanto en 6º como en 4º o fío condutor foi o graffiti, o efecto de asalto que unha pintada exerce sobre o espectador. E dende aí traballamos en diferentes ordes:
- Acabar con algúns prexuízos a respecto do xénero literario.
- Fomentar a reflexión sobre a linguaxe e a palabra.
- Amosar que a poesía pode ser un dos mellores vehículos para as emocións.
- Afondar naquelas características menos evidentes da poesía: música, sentimentos, pensamentos asociados a unha experiencia da palabra vivida.
- Vincular graffiti como realización de arte urbano nas súas semellanzas co poético.
- Incidir na presenza cotiá do poético na vida do alumnado.
- Presentar poetas moitas veces descoñecidos para o estudantado, daqueles autores e autoras aos que se lles atribúen as citas, e do que significa o recoñecemento. Pero
tamén do anonimato, do peso da obra fronte a autoría.
- Abordar os grandes temas: o amor, a liberdade, as reivindicacións...o que leva tamén a falar dos tópicos.
- Falar do peso que ten a interpretación máis hermenéutica, pero tamén da emoción e de se “nos toca” a mensaxe.
O que quixemos foi amosar a poesía como un código ao que acceder cunha serie de ferramentas que se foron adquirindo ao longo das sesións. Sempre insistindo en que hai tantas interpretacións e lecturas válidas como lectores.
Pero entrar ao círculo da poesía aportou un valor engadido, case tan valioso como o propio traballo cos poemas, creando entre todos un espazo no que algunhas preocupacións agromaron a partir da reflexión lingüística. Así, as palabras convertidas en detonantes emocionais fixéronse condutoras neste espazo íntimo onde cada asistente tiña a oportunidade de ser escoitado e amosar o poder e potencia da súa palabra.
Nos cursos de 6º traballamos coa cerna da linguaxe, acudindo á orixe. Unha das actividades que propuxemos foi a creación de poemas que encapsularon para soltarse no centro e que outros nenos e nenas os atoparan. Para rematar o primeiro trimestre, os 50 alumn*s compuxeron un poema breve, tiña que coller nun post-it, e tiña que ser sobre a palabra que eles escolleron. Condensar para expandir. A descuberta das cápsulas deu moito de si no centro escolar, e mesmo se repetiu para que pequenos e grandes atoparan o seu poema.
O traballo coas constelacións de palabras que cada quen ía buscando serviron como motor de diferentes actividades poéticas, unha delas estaba directamente relacionada co graffiti, palabras tan persoais como universais.
Nos cursos de 6º traballamos baixo o lema “Somos as nosas palabras”, que tomamos prestado de Octavio Paz. E asi quedou o graffiti que fixeron, no obradoiro final da man de Mutante Creativo:
Pero non só traballamos a poesía breve e condensada. Tamén indagamos no proceso da autoría, compartindo a escrita dun poema de Manuel María, que eles mesmos se encargaron de rematar cubrindo os espazos en branco. Que é a infancia? Cando remata? Que palabras podemos asociar con ela? O homenaxeado nas letras deste ano deixou un pouso musical nas aulas, e así aproveitamos o seus Soños na gaiola para aprender sobre o impacto que ten o contexto en nós, e como cada palabra imprime ritmo no verso.
Nos cursos de 4º, traballamos cun corpus de pintadas e graffitis poéticos, con material audiovisual e curtas que eles mesmos escolleron e analizamos na aula. E baixo a directriz do Acórdome, de Georges Perec, puxemos a andar unha actividade directamente relacionada coa produción dos versos finais que se materializarían nunha pintada nos muros do centro. a proposta de deixar un legado, unha herdanza que servira de inspiración aos que quedan no centro foi o motor que moveu a escolla de palabras e versos, que cristalizaron no seguinte graffiti:
A actividade final co obradoiro de graffiti nos cursos de 6º e 4º resultou un éxito, non só polo agardada dentro dos cursos involucrados durante o ano, se non porque viron que o traballo coas súas palabras culminaba nunha intervención que permanecerá no tempo, igual que a dun escritor.
A experiencia completa foi moi enriquecedora. A palabra permitiunos falar da vida, expandir pequenas e grandes emocións que o alumnado non adoita dar saída noutros contextos e que a poesía enfiou con total naturalidade.
Son moitos os valores transversais deste proxecto: diversidade, respecto, xénero, importancia da aprendizaxe, traballo en equipo. E estes mesmos valores foron motivo de reflexión durante as sesións, xa fose como eixo ou de forma colateral, serviron para levalos ao terreo da literatura.
Cada un dos rapaces e rapazas que tivemos a oportunidade de coñecer este ano, son agora ademais palabras preñadas de traballo e entusiasmo.
Tódalas cartas, o afecto, as debilidades, a afouteza, os tropezos, as teimas compartidas... quedan con nós.
Sempre voltar!