As abellas para Eva Veiga

Enxame.

Verba-lingua a crear este ou outro espazo-tempo.

Enxame de abellas ou de silencio.

Dúas formas dun mesmo acontecer.

Zunido de areas movedizas no corazón do aire.

Sensación dunha forza que atravesa o corpo,

vai no sangue, fica nas xemas dos dedos que un día

serán rebento.

Chuchameles, meliloto, dedaleiras, dente de león, leitaruga, breixo, cardo, faba loba, toxo, eucalipto, castiro, flor das silveiras ...

Os ollos color mel fotografan o infinito rizoma dos días,

espellismo sobre o que a abella pasea o lírico debuxo das súas patas,

mais nada pode chuchar de aí.

Pero a nai, Raíña-Obreira que polas noites cose os vestidos nos que fai niño de abella.

E as avoas a afumar para que non.

Non obstante a picada na disputa dunha ameixa. A dor.

 Diso tamén se aprende, din elas.

Ollos afumados.

Aprender a transformalo todo. Todo. É o seu mantra.

Exercítome na imperfección. Contra a cela.

Soño que farei cos meus propios dedos cera e mel.

Solitaria.



(Parecera que o mundo ten a cada paso a nosa idade.)